Recursos turísticos

Ademais de contar cun terreo propio, os hóspedes das Abeleiras poden desfrutar dos anexos á mesma. Entre eles, unha ampla zona de prados resgardada por mestos bosques de castiñeiros e carballos.

Moi preto da Casa, discorre o río Tambre, un dos máis importantes da Galicia occidental, que dá orixe á ría de Muros e Noia. Ese mesmo río dá vida a un dos recunchos máis interesantes das Abeleiras. Unha pequena presa de augas tranquilas, perfecta para tomar o sol ou refrescarse nos días máis calurosos. A presa está rodeada de fermosas árbores e un muíño de pedra que data do século XVIII.

Non moi lonxe da Casa, atópase o Camiño de Santiago Francés que transcorre a carón da lagoa de Sobrado. Un espazo para ocio e deporte, onde a actividade estrela é a pesca da troita. Pero a rede hidrográfica de Sobrado non acaba aí, e o visitante pode desfrutar dun roteiro polas pequenas lagoas e caudais do concello.

Sen embargo, o reclamo máis importante da zona é, sen dúbida algunha, o mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado. Ubicado no centro da vila, esta magnífica mostra de arquitectura medieval remonta as súas orixes ata o século X e está declarado como Monumento Histórico Artístico de carácter nacional. Ademais, é un dos poucos mosteiros de tanta antigüidade que seguen activos en Galicia.

Saíndo de Sobrado, o visitante pode atoparse con infinidade de alternativas. Como visitar a vila de Arzúa, punto cardinal da gastronomía galega, polos seus queixos con denominación de orixe. A tan só 25 minutos, a visita obrigada é o embalse de Portodemouros, o máis grande da comunidade. Un espazo natural protexido idóneo para prácticar deportes acuáticos e facer rutas a cabalo.

Recomendable é tamén unha visita a Melide, capital económica da comarca. Sobre todo, para todos aqueles que desexen desfrutar da vida nocturna das fins de semana. A época estival é a máis recomendable.

E para os que prefiran retomar a vida urbana, nada mellor que desprazarse ata a cidade de A Coruña. A tan só 40 minutos pódese visitar a capital da provincia que conta entre os seus atractivos coa mítica Torre de Hércules (a punto de ser declarada Patrimonio da Humanidade), o porto deportivo presidido polas galerías decimonónicas, o Castelo de San Antón ou a célebre praia de Riazor.

Atractivos tamén, os que ten Santiago de Compostela. A capital de Galicia atópase a unha hora en coche de Sobrado. Alí a catedral é unha visita obrigada, pero tamén facer un percorrido polo seu casco histórico coñecendo os mil recunchos que gardan as súas rúas empedradas: San Martín Pinario, a praza da Quintana, a praza de Cervantes, Mazarelos, a rúa do Franco… Santiago é, sen dúbida, a meta perfecta para a peregrinaxe iniciada na Casa Abeleiras.